Tras desvelar novas facturas de viaxes do alcalde a eventos nos que, segundo os populares, Miguel Anxo Fernández Lores asistía como invitado, o Partido Popular reclama que o goberno municipal explique cales son as viaxes "a custo cero para o erario público" realizadas polo rexedor nos últimos anos.
O grupo municipal do Partido Popular volve remitir, vía comunicado de prensa, varias facturas de actos nos que participou Fernández Lores e que están relacionados con conferencias sobre o modelo urbano de Pontevedra.
Así, apuntan que o Concello gastou case 3.000 euros, IVE incluído, na participación de Fernández Lores no congreso Walk 21 de Múnic, cidade á que viaxou acompañado de dous técnicos municipais. Tamén a súa presenza no I Congreso Cidades que Camiñan que tivo lugar no municipio sevillano de La Rinconada foi pagada por Pontevedra, no seu caso uns 240 euros.
Os populares tamén critican que de cara a un congreso organizado por Pontevedra, o II Congreso Cidades que Camiñan, celebrado o pasado mes de outubro, os gastos da viaxe e aloxamento dos relatores correra a cargo das arcas municipais.