O PP reprocha ao goberno de Poio que engana os veciños sobre o cemiterio de San Xoán

Poio
07 de abril 2023

Esta crítica chegou horas despois de que o Concello de Poio anunciara o inicio das obras para urbanizar a parcela onde se ampliará o cemiterio."BNG e PSOE están enganando a moitos veciños, e en vez de contarlles a verdade xogan coa desesperación de moita xente que leva anos agardando para poder comprar un panteón", denuncian

Marga Caldas, concelleira de Sanidade, na parcela onde se ampliará o cemiterio municipal de Poio
Marga Caldas, concelleira de Sanidade, na parcela onde se ampliará o cemiterio municipal de Poio / Concello de Poio

O Partido Popular de Poio acusou este xoves ao goberno local de "enganar" aos veciños en relación co cemiterio municipal de San Xoán. 

Esta crítica chegou horas despois de que o Concello de Poio anunciara o inicio das obras para urbanizar a parcela onde se ampliará o cemiterio. 

O voceiro do PP, Ángel Moldes, asegura que moitos veciños fixeron unha solicitude hai moitos anos para a compra dun nicho e pensan que con ela teñen garantida a compra dun nicho, pero non lles explican que "esa reserva non é válida" e que terán que iniciar un novo proceso, cunha convocatoria aberta na que calquera veciño, con independencia de onde viva, terá dereito a comprar un nicho. 

"BNG e PSOE están enganando a moitos veciños, e en vez de contarlles a verdade xogan coa desesperación de moita xente que leva anos agardando para poder comprar un panteón", denuncia o alcaldable do PP.

Moldes solicita ao Tripartito de Poio "claridade e transparencia" e "que lle digan a verdade aos veciños" e "non fagan o mesmo que fixeron no seu día co novo regulamento do cemiterio que pretendía converter as propiedades en concesións". 

Ademais, Moldes critica á concelleira Marga Caldas, á que explica que as visitas a obras "están prohibidas pola lei electoral unha vez que están convocadas as eleccións".