O PP rexistra unha iniciativa lexislativa no Congreso para rebaixar o IVE das perruquerías

Pontevedra
21 de abril 2021

Deputados e senadores de Pontevedra reuníronse con representantes do sector na cidade para explicarlles a iniciativa. Recordan que o Congreso aprobou unha iniciativa parlamentaria do PP neste sentido, polo que esperan que os grupos que os apoiaron volvan a facelo para superar así o rexeitamento do Goberno para apoiar ao sector

Deputados e senadores de Pontevedra reuníronse con representantes do sector das perruquerías
Deputados e senadores de Pontevedra reuníronse con representantes do sector das perruquerías

O Partido Popular insiste na baixada do IVE das perruquerías, e por iso presentou no Congreso unha emenda ao articulado do proxecto de lei polo que se adoptan as medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á Covid-19.

Concretamente, o PP propón rebaixar o IVE dos servizos de perruquería, barbería e estética do 21% actual ao 10%. Así o explicaron deputados e senadores do PP de Pontevedra na reunión que mantiveron con representantes do sector na cidade. Ademais de Juan Constenla, Javier Bas e Pilar Rojo, tamén asistiron a este encontro a concelleira e deputada provincial Pepa Pardo, e a deputada autonómica Lupe Murillo. 

"É unha medida clave para un sector cunha caída da facturación do 35,70% en 2020 e a destrución de máis de 50 mil empregos, principalmente feminino e mozo", defende o deputado Juan Constenla.

Os populares recordaron que o Congreso xa aprobou unha iniciativa parlamentaria do PP neste sentido, co voto en contra do PSOE, polo que instan aos grupos que o apoiaron a que volvan a facelo "para superar así o rexeitamento do Goberno a apoiar a este sector".

Tamén a senadora Pilar Rojo recordou que esta cámara xa aprobou unha iniciativa parlamentaria presentada polo PP en marzo, para rebaixar ao 10% o IVE de perruquerías, barberías e centros de estética. Igualmente, sinalou que o PP tamén presentou emendas ao Orzamento Xeral do Estado no Senado para que se baixase o IVE ao sector. "Pero o Goberno e os seus socios rexeitaron esta iniciativa", criticou.