O PP solicita un estudo para resituar os contedores de lixo ao entender que "atentan contra o comercio"

Pontevedra
05 de febreiro 2021

Rafa Domínguez, portavoz do grupo popular, considera que a colocación choca coa estética de calquera cidade e afirma que prexudica o comercio local ao entender que algúns destes depósitos se atopan diante dos escaparates

Contedores nun lateral do Teatro Principal
Contedores nun lateral do Teatro Principal /

Rafa Domínguez, presidente do PP de Pontevedra e portavoz do grupo municipal, presentaba por rexistro este venres unha moción na que solicita o estudo individualizado para recolocar os contedores situados no centro urbano de Pontevedra.

O portavoz popular afirma que a colocación destes contedores de lixo na contorna urbana "choca coa estética da nosa cidade". Domínguez vai máis aló e asegura que, en ocasións, estes depósitos atentan directamente contra o comercio local ao atoparse diante de escaparates de establecementos comerciais, aínda que nas proximidades haxa espazo para  resituarlos sen comercios locais que se poidan ver afectados.

Tamén critica outras circunstancias dentro do centro histórico. Desta forma, pon de manifesto que "non parece ter xustificación que haxa unha fila de contedores no lateral do noso Teatro Principal, un dos edificios máis emblemáticos da nosa cidade". Tamén critica a "muralla de contedores" situada diante do edificio do Colexio Médico de Pontevedra na rúa Echegaray. 

O representante do PP afirma que ten coñecemento de "múltiples queixas por parte de veciños, colectivos ou comercios locais", que reclaman o cambio. Por este motivo, no próximo pleno municipal solicitará un estudo detallado para  resituar na medida do posible os contedores que xeren problemas no centro urbano.