O PP solicita un pleno extraordinario para "fixar a postura" da Deputación sobre Príncipe Felipe

Pontevedra
12 de xullo 2017

Os populares tamén queren que se revoguen as delegacións da presidenta, Carmela Silva, noutros deputados "no sentido de unificar a xestión"

Ángel Moldes, Nidia Arévalo e Jose Enrique Sotelo
Ángel Moldes, Nidia Arévalo e Jose Enrique Sotelo / Mónica Patxot

O grupo provincial do Partido Popular solicitou este mércores por rexistro a celebración dun pleno extraordinario para "fixar a postura" da Deputación de Pontevedra sobre a Cidade Infantil Príncipe Felipe, despois de que o goberno provincial anunciase unilateralmente a supresión do convenio de colaboración coa Xunta por mor dos incidentes que xeran os menores conflitivos que desvía a Consellería de Política Social en réxime de internamento.

Nunha comparecencia de prensa ante o Pazo Provincial a portavoz do PP, Nidia Arévalo, explicou que demandarán a ratificación do convenio existente entre a administración provincial e a Consellería de Política Social respecto deste centro.

Ademais piden unha declaración de apoio ao mantemento da totalidade dos servizos prestados na cidade infantil, especialmente, na Unidade de Primeira Acollida e no réxime de internamento.

Os populares tamén queren que se revoguen as delegacións da presidenta, Carmela Silva, noutros deputados "no sentido de unificar a xestión". Segundo Nidia Arévalo "non pode ser que unha parte do Príncipe Felipe dependa dunha deputada do BNG e outra dunha deputada do Partido Socialista" xa que, ao seu xuízo a existencia dun conflito neste centro, "é unha das consecuencias destes pactos que soamente serven é para botar ao Partido Popular fóra dos gobernos e en realidade despois non hai entendemento, non hai diálogo e non hai comunicación".

Finalmente o PP provincial reclamará a convocatoria da comisión mixta de seguimento prevista no convenio para a atención de menores na cidade residencial Príncipe Felipe.

O viceportavoz do PP na Deputación, Ángel Moldes, engadiu que o goberno provincial "está a buscar o peche" deste centro pero "agora déronse conta de que actuaron mal e están a improvisar".