O PP solicitou unha comisión informativa polo 'impago' das bolsas municipais de emprego

Pontevedra
10 de marzo 2015

O PP denunciou a existencia de "irregularidades" no cobro da remuneración das prácticas por parte dos participantes neste proxecto

Carlota Román dá a benvida aos bolseiros do Plan de Emprego municipal
Carlota Román dá a benvida aos bolseiros do Plan de Emprego municipal / PontevedraViva

O concelleiro Pablo Fernández avanzou que o Partido Popular vén de solicitar a celebración dunha Comisión Informativa Extraordinaria para que o goberno local explique as actuacións que levaron a cabo en relación co Proxecto Prácticas en Empresas II.

O PP denunciou a existencia de "irregularidades" no cobro da remuneración das prácticas por parte dos participantes neste proxecto.

Segundo a oposición, aos 182 bolseiros prometéronlles unha remuneración de 375 euros mensuais polos traballos desempeñados, "pero polo momento tan só recibiron 49 euros, a pesar de que están a piques de rematar as súas prácticas ".

O Partido Popular xa denunciou esta situación no último pleno.

RESPOSTA DO GOBERNO MUNICIPAL

Dende o goberno municipal, sinalan que todas as ordes de pagamento xa foron asinadas polo departamento de Promoción Económica. Afirman que todo se debe ao rigoroso procedemento administrativo que teñen contratos deste tipo. En todo caso, insisten en que os beneficiarios destas bolsas xa se lles advertiu dende o primeiro momento que probablemente cobrarían todo ao remate dos seus contratos.