Emulando a Carlos V, coa tenacidade e seguridade que tiña o monarca de que Deus dáballe a razón para vencer, o Partido Popular de Poio puxo este xoves a súa pica en Flandes, instalando na Xunqueira de Alba fronte á Ponte das Correntes, un banderín onde daban a benvida ao Concello de Poio, como quen toma posesión dun territorio.
Os autores de tal xesto foron os membros de grupo municipal do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, Rocío Cochón, Juan José Rodríguez Grandal, xunto coa portavoz veciñal Carmen Esperón, e Marcial García Freijero como representante da Comunidade de Montes de San Xoán.
O portavoz popular poiense, Ángel Moldes, esgrimindo o ditame do Instituto Geográfico Nacional (IGN) acerca da propiedade do territorio fronteirizo entre o seu municipio e Pontevedra dirixiu unha mensaxe ao rexedor da capital para pedirlle que sexa "coherente" e "xa que di que este deslinde non ten influencia para Pontevedra" que non presente alegacións a esta decisión.
Segundo o PP, xa que unha resolución do IGN sitúa en terreos de Poio ao parque de Bombeiros, chegou o momento de que estes comecen a prestar servizo neste municipio cando haxa unha emerxencia.
"Levan aí moitos anos sen pagar impostos no Concello de Poio, tampouco queremos que os paguen agora, só queremos que, a cambio de que se lle bonifiquen eses impostos, que atendan as emerxencias no noso concello", dixo Ángel Moldes.
"Ao PP de Poio non nos estorba que estean onde están na actualidade", insistiu o portavoz do PP que insiste na necesidade de modificar o Plan de Emerxencias da Xunta respecto das competencias dos bombeiros de Pontevedra.
Os populares de Poio dubidan da existencia dun documento privado onde se acredita que eses terreos foron comprados no seu día para Pontevedra. "Dubidamos que sexa un documento válido e que non se soubo del ata agora", dixo Ángel Moldes.
"Para nós Pontevedra é nosa capital de provincia, pero cada un ten que defender os seus intereses", concluíu Moldes.