O PP traslada a colectivos de axuda a pacientes a súa proposta de duplicar o orzamento de axuda de emerxencia social

Pontevedra
16 de decembro 2020

A concellira do Partido Popular e responsable de Benestar Social, Silvia Junco, acompañada do presidente dos populares en Pontevedra, Rafa Domínguez, mantiña este mércores un encontro con representantes das asociacións Alcer, Afapo, Asem e Adahpo

Silvia Junco e Rafa Domínguez, do PP local, reunidos con representantes de colectivos para presentar o seu Plan de Compromiso Social
Silvia Junco e Rafa Domínguez, do PP local, reunidos con representantes de colectivos para presentar o seu Plan de Compromiso Social /

Silvia Junco, concelleira do Partido Popular de Pontevedra e responsable de Benestar Social mantiña un encontro, acompañada do presidente do PP local Rafa Domínguez con representantes das asociacións Alcer (Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril), Afapo (Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer), Asem (Asociación Galega contra as Enfermidades  Neuromusculares) e Adahpo (Asociación Déficit Atención Hiperactividade Pontevedra).

Durante este encontro, os populares presentaron a súa proposta para colaborar con estes colectivos adaptándose á actual situación de crise. Silvia Junco explicoulles que a intención do PP pasa porque se reforce o número de persoas que traballan na área de Servizos Sociais no Concello; crear unha rede de voluntariado e duplicar, como mínimo, a partida orzamentaria de axuda de emerxencia social.

Todas estas accións contémplanse no Plan de Compromiso Social que o PP está a elaborar coa intención de que o goberno local destine o 10% do orzamento do ano 2021 en gasto social, ao entender que é insuficiente o actual 4,5%. 

Rafa Domínguez comunicou a estes integrantes dos colectivos de axuda a pacientes que a súa formación apoiará o Orzamento municipal para o próximo ano se nas contas se inclúe, entre outras cuestións, o aumento de investimento en Benestar Social. Afirma que a proposta se ha elaborado tras manter un diálogo continuo con colectivos afectados.

O PP é partidario da concesión de axudas a asociacións que desenvolvan actividades de utilidade pública e de interese social. Junco tamén explicou que é necesario que o goberno que lidera Fernández Lores realice un plan de continxencia para financiar aqueles gastos derivados da pandemia entre os colectivos sociais e dedicarlle unha especial atención aos que atenden a persoas dependentes ou con mobilidade reducida.