O PP volve pedir á Deputación unha liña de axudas para autónomos e pemes

Pontevedra
07 de xaneiro 2021

Despois da concentración de traballadores fronte á sede desta institución en Vigo, o portavoz do grupo da oposición, Jorge Cubela, lamenta que os orzamentos non inclúan medidas de apoio para os sectores máis afectados pola crise económica derivada da pandemia da covid-19

Jorge Cubela, portavoz do PP na Deputación de Pontevedra
Jorge Cubela, portavoz do PP na Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O grupo provincial do Partido Popular pide a convocatoria de axudas para autónomos, pemes e hostaleiros ao executivo da Deputación de Pontevedra. Despois da lectura do manifesto que tivo lugar este luns fronte á sede da institución provincial en Vigo, o portavoz dos populares, Jorge Cubela, sostén que "nesta provincia só están recibindo axuda da Xunta de Galicia e nalgún caso tamén das iniciativas que aprobaron algúns concellos, porque nin o Goberno central nin a Deputación de Pontevedra repartiron un só euro".

Denuncia ademais Cubela que este venres está prevista a aprobación dos orzamentos da Deputación, que, segundo a súa formación, non inclúen nin un só euro en axudas para autónomos e pemes, nin tampouco medidas para paliar os efectos económicos, sanitarios e sociais da pandemia.

Aseguran os populares que se trata dunha cuestión de vontade política e defenden que desde o PP "levamos meses reclamando un plan de axudas específico de 10 millóns de euros para autónomos e pemes porque hai ben de onde sacalos para axudar a un dos sectores que máis o precisan". Poñen como exemplo ademais ao resto de Deputacións galegas que si tramitaron axudas deste tipo, o que supón un agravio comparativo para as empresas pontevedresas.

Sobre os orzamentos, Cubela lamenta que manteñan unha liña continuista e que non fomenten o gasto social, os investimentos ou o apoio a colectivos e sectores estratéxicos nesta situación de crise. Critica tamén que as contas vaian aprobarse sen consenso, "o que demostra falla de díalogo e transparencia", remata.