O PP volverá manifestarse en contra do peche de Raíña Vitoria

Pontevedra
04 de maio 2023

Os candidatos do Partido Popular ás Alcaldías de Pontevedra e de Poio, Rafa Domínguez e Ángel Moldes confirmaron a súa asistencia á manifestación en contra do peche da avenida de Raíña Vitoria que terá lugar este venres

Rafa Domínguez e Ángel Moldes
Rafa Domínguez e Ángel Moldes / PontevedraViva

Os candidatos do Partido Popular ás Alcaldías de Pontevedra e de Poio, Rafa Domínguez e Ángel Moldes confirmaron a súa asistencia á manifestación en contra do peche da avenida de Raíña Vitoria que terá lugar este venres.

Pola súa banda, Rafa Domínguez lembrou que o seu grupo municipal solicitou ata en cinco ocasiones a reapertura desta vía cuxo peche "ha generado consecuencias negativas para los pontevedreses y muchos que nos visitan".

Ademais, engadiu que esta medida, "basada en una mentira", foi "un obstáculo para el desarrollo económico" definíndoa como "una cacicada en toda regla".

E aínda que desde o goberno local reiteraron, tanto o BNG como o PSOE, que a Ponte da Barca é de competencia da Xunta de Galicia, Rafa Domínguez alertou dos "preocupantes plans" do Concello de Pontevedra "que tienen la intención de cerrar uno de los carriles del puente de A Barca".

Ese mesma mensaxe lanzou o candidato popular de Poio, Ángel Moldes, "existe xa un pacto entre BNG e PSOE de Pontevedra e Poio para pechar a Ponte da Barca", afirmou.

Moldes apunta que "hai unha gran preocupación" entre os veciños e engadiu que "están a tapar todo ata pasar as eleccións do 28 de maio, pero se socialistas e nacionalistas repiten nos gobernos dos dous concellos, en poucos meses deixarán a Ponte sen circulación de saída".

O PP "DETRÁS" DESTA MOBILIZACIÓN

Tamén saíu ao paso desta convocatoria o candidato do PSdeG-PSOE de Poio, Gregorio Agís que sinalou que "o PP está detrás, agochado tras supostas plataformas e asociacións veciñais, para intentar xerar crispación e confundir á cidadanía sobre unha problemática que non existe”.

O alcaldable socialista de Poio lembrou que "dunha plataforma moi similar saíu hai uns anos o anterior número 3 de Ángel Moldes, un experto nestas lides, que chegou a ser concelleiro da Corporación" e incidiu no "curioso" que resulta que "un suposto colectivo veciñal de San Salvador só saia agora á palestra para falar dun problema inexistente, xusto antes dunhas eleccións municipais, e gardase silencio todos estes anos sobre grandes problemáticas que existen nesta parroquia, como é a saturación no Centro de Saúda de Anafáns e o mal estado e a falta de investimentos por parte da Xunta de Galicia para mellorar a PO-308".