O prazo de solicitude das axudas do Plan Supera comeza o 2 de setembro

Pontevedra
01 de setembro 2021

As axudas do Plan Supera 21, convocadas polo Concello de Pontevedra, poderán comezar a ser solicitadas a partir deste xoves, 2 de setembro, cun prazo de trinta días naturais, logo da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia

Oficinas do Concello de Pontevedra para a xestión das axudas do Plan Supera
Oficinas do Concello de Pontevedra para a xestión das axudas do Plan Supera / Mónica Patxot

As axudas do Plan Supera 21 poderán comezar a ser solicitadas a partir deste xoves, 2 de setembro, logo da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Convocadas polo Concello de Pontevedra, trátase dunha liña de apoio económico para autónomos, microempresas, pemes e entidades de economía social, creada a raíz da crise sanitaria e económica propiciada polo coronavirus.

En total, o Concello ten previsto un orzamento global de 600 mil euros para as axudas relacionadas co investimento, e de 300 mil para as relacionadas co gasto corrente. En ambos os dous casos, os créditos poderán ser ampliados no caso de recibir moitas peticións por parte dos diferentes sectores. A porcentaxe subvencionable poderá chegar ata o 70% do custe da actuación a realizar, cun máximo de 5.000 euros. Ademais, este ano, o Concello comprometeuse a anticipar o 100% da contía subvencionable.

O prazo de solicitude será de trinta días naturais desde este 2 de setembro.

DESTINATARIOS

Poderán solicitar estas axudas todas as pemes, sociedades cooperativas galegas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego -menores de 50- que conten cun volume de negocio anual inferior aos 10 millóns de euros; amais das persoas emprendedoras de alta no réxime de autónomos ou outro réxime especial.

GASTOS SUBVENCIONADOS

Os gastos que poden ser subvencionados polas axudas do Plan Supera 21 son aqueles executados e pagados desde o 14 de marzo do 2020 até o 31 de decembro do 2021, agás os beneficiarios das axudas Supera 20.

Así mesmo, abarcará a subvención os gastos de dixitalización e de implementación de tecnoloxías dixitais: adquisición de equipamentos para procesos informáticos, adquisición de ordenadores e demais conxuntos electrónicos de comunicacións e de procesos de datos, adquisición de hardwares e/ou aplicacións informáticas para a mellora e modernización da xestión comercial, hosting e servizos web, dominio en internet e outros gastos semellantes.

Doutra banda, os gastos destinados a obras ou actuacións para a mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional, tales como as obras de mellora de acceso aos locais, obras para a mellora da accesibilidade interior, acondicionamento acústico, adaptación de aseos e outras actuacións e gastos que teñan por finalidade facer máis comprensibles, utilizables e practicables os establecementos.

Tamén os gastos destinados á renovación, embelecemento e ornato dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional; incluiranse neste apartado as obras e investimentos para o acondicionamento de escaparates, renovación e mellora da rotulación e sinaléctica, obras para o embelecemento e ornato de fachadas, investimentos e adquisición de equipamentos para a mellora da imaxe comercial.

A maiores, tamén entran aqueles destinados a actuacións e obras para a redución do consumo de enerxía e mellora da eficiencia enerxética. Poderán incluírse nesta categoría os gastos en obras e investimentos para a mellora da eficiencia enerxética dos sistemas de climatización, electricidade, iluminación e adaptación á reciclaxe. Amais dos nomeados, son contemplados outros gastos necesarios para a mellora da actividade: adquisición de mobiliario, por peches de protección de escaparates ou pola adquisición de maquinaria destinada ao funcionamento operativo dos locais ou negocios que non entre nas anteriores categorías.

Por último, están os gastos destinados á adquisición de vehículos comerciais destinados á actividade económica e/ou profesional das entidades ou persoas beneficiarias.