O prendido do alumeado de Nadal en Poio poderá seguirse online

Poio
02 de decembro 2020

As redes sociais e a canle oficial de Youtube do Concello de Poio ofrecerán un vídeo este venres 4 en que se recollerá o acendido da iluminación cunha mensaxe do alcalde Lucian Sobral. Segundo a concellería de Cultura hai 300 motivos instalados nas cinco parroquias e permanecerán activos ata pasado o Día de Reis

Iluminación de Nadal en Poio
Iluminación de Nadal en Poio / PontevedraViva

Durante a tarde deste venres 4 de decembro acenderanse as luces do Nadal para estas festas no Concello de Poio. Para evitar a presenza de público e respectar as medidas de protección sanitarias, o goberno local adoptou a decisión de trasladar á cidadanía o ánimo festivo a través dunha nova fórmula: o formato dixital.

A concelleira de Cultura Raquel Rodríguez sinalaba que é máis necesario que nunca axudar a manter o espírito destas festas, pensando sobre todo no público infantil e tratando de axudar a dinamizar a actividade nos sectores máis castigados. 

Desta maneira, o aceso das luces poderase seguir a través dun vídeo que se colgará nos perfís oficiais das redes sociais do Concello de Poio e tamén na canle oficial de Youtube. Ademais deste acto, o alcalde Luciano Sobral emitirá unha mensaxe dirixida ás persoas residentes en Poio.

Por outra banda, a concelleira de Cultura anunciou este mércores que nos próximos días darase a coñecer con detalle a programación de Nadal, que contará con actividades e espectáculos, ademais de iniciativas para fortalecer ao tecido comercial do municipio.

O espectáculo que inaugurará esta programación chegará o sábado 12 de decembro, ás 18.00 horas, no Centro Cultural Xaime Illa. É unha montaxe gratuíta para público infantil, que levará a cabo Nelson Quinteiro Producións e que leva por título 'Os Apalpadoriños: un Nadal para cantar, bailar e brincar'.  Para acudir será necesario apuntarse previamente enviando un correo electrónico á dirección [email protected]