O presidente da Autoridade Portuaria, preocupado polo futuro de ENCE

Pontevedra
15 de marzo 2019

"Estamos a falar dunha empresa clave non só para o porto senón para a economía da contorna", sinalou o presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa

José Benito Suárez Costa, presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra
José Benito Suárez Costa, presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra / Mónica Patxot

O presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa, manifestou a súa "preocupación" pola decisión da Dirección Xeral de Costas que podería "poñer en risco a continuidade" da factoría de Ence en Lourizán.

"Estamos a falar dunha empresa clave non só para o porto senón para a economía da contorna", sinalou.

Suárez Costa tamén quixo mostrar a súa "solidariedade cos traballadores" que dependen directa e indirectamente da fábrica de pasta de papel e lembrou que Ence ten "importantes investimentos comprometidos en Pontevedra, tanto a nivel industrial como para o tecido social da zona".

"Para nós, Ence e a actividade de todas as grandes e pequenas empresas que traballan debido ao movemento que a fábrica xera son tamén comunidade portuaria", manifestou o presidente.

Segundo os datos facilitados pola Autoridade Portuaria, a fábrica de pasta de papel de Ence exporta a práctica totalidade da súa produción anual a través do Porto de Marín, un tráfico que ascende a preto de 400.000 toneladas anuais e que representou en 2018 o 60% do total da mercadoría xeral convencional (a que non utiliza o contedor) do porto. Ademais, Marín conta con infraestruturas pioneiras na Península como a All Wheather Terminal (Terminal Cuberta) na que o Grupo Nogar S.A realizou un importante investimento e que está destinada no seu maior parte á exportación da pasta de papel.

O porto recibe unha media de 100 mercantes por ano para cargar pasta de papel que ten como destino diferentes países europeos. Isto xera ademais unha intensa actividade de transportistas, cun movemento no Porto de máis de 14.000 camións ao ano. En cada operativa de carga de pasta de papel prodúcense uns 120 movementos de camión e interveñen de maneira directa máis de 20 traballadores entre empresas de estiba, consignataria, tripulacións, a propia factoría, entre outros.

 

Arquivado en