O tradicional 'Xantar da Terceira Idade' que organiza o Concello da Lama na Carballeira das Ermidas reuniu este sábado a unhas 300 persoas entre as que se atopaba o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, o presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez e membros da Corporación Municipal.
A comida estivo amenizada pola Charanga Os Encerellados, de Campo Lameiro, que ofreceron aos asistentes o seu habitual repertorio a base de cancións de moda dándolle tamén unha nota de humor a esta celebración que recupera o seu esplendor despois de dous anos de parón obrigado polas restricións impostas pola pandemia da Covid-19.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, agradeceu a presencia do presidente da Xunta e tamén dos veciños e veciñas que se xuntaron baixo os carballos centenarios das Ermidas para continuar fieis coa vella tradición de celebrar o Xantar da Terceira Idade.
Canda aproveitou a presenza de Rueda para recordarlle que a Xunta ten que continuar a mellora da PO-244 a Portela da Cruz e solicitoulle unha intervención para sanear e recuperar a Carballeira das Ermidas, lugar que acolle tradicionalmente esta celebración.
Pola súa banda, Alfonso Rueda sinalou que recollía o recado e comprometeuse a rematar coa mellora emprendida polo Goberno da Xunta nesta estrada e tamén a estudiar en que forma se podía colaborar e contribuír a conservar e potenciar este espazo natural incomparable como é a Carballeira das Ermidas.
Esta celebración adoita ser tamén unha cita obrigada para que os maiores do municipio e os residentes no exterior protagonicen un reencontro estival e así o lembrou o propio alcalde Jorge Canda e o presidente da Xunta quen amosou o seu orgullo polos nosos emigrantes “auténticos embaixadores e punta de lanza da imaxe de Galicia en todo o mundo favorecendo o aumento do noso prestixio internacional e incluso as nosas exportacións porque eles son garantía da seriedade dos galegos no mundo”.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.