O programa Camiños Escolares pega un salto para abandonar o seu "estancamento"

Pontevedra
21 de outubro 2016

A tenente de alcalde, Carme da Silva, anunciou que o programa de Camiños Escolares superou unha primeira fase experimental e deixará de ter monitores nos cruces

Camiños escolares
Camiños escolares / Mónica Patxot

A tenente de alcalde, Carme da Silva, anunciou que o programa de Camiños Escolares superou unha primeira fase experimental e deixará de ter monitores nos cruces.

Da Silva explicou que os lombos, a velocidade 30, o traballo da Policía Local e a gran responsabilidade das persoas ofrécennos unha cidade moi segura. Sostén que Pontevedra está feita para camiñar e non necesita someter aos nenos a unha vixilancia especial, porque o tráfico a motor está moi controlado e non supón un perigo.

Neste sentido, a presenza de vixiantes nos cruces xa cumpriu o seu papel inicial e agora supón un "estancamento" no programa Camiños Escolares xa que evitan que os nenos tomen decisións e que non asuman responsabilidades cando cruzan unha rúa.

Así llo fixo ver aos responsables municipais o psicopedagogo italiano, Francesco Tonucci na súa última visita á cidade.

Deste xeito, de maneira paulatina, iranse retirando os monitores dos cruces e "a idea é que a próximo ano xa non estean". Aínda que non desaparecerán posto que a intención do Concello é que novos colexios, como os da Xunqueira ou o Sagrado Corazón, se somen a esta iniciativa polo que durante a posta en marcha dos camiños se van necesitar a súa presenza.

O Concello paga á empresa Anias 34.000 euros ao ano por este servizo.

A nova fase do plan Camiños Escolares implicará, de novo, a moitas tendas, bares e cafeterías que identificadas cun novo logotipo facilitarán axuda a calquera neno que se atope nunha situación anómala. Ademais crearanse unidades didácticas para que en cada centro escolar os alumnos reforcen o seu coñecemento da cidade e as pautas de educación viaria.

Tamén se organizarán actividades dirixidas aos nenos pontevedreses para mellorar a súa autonomía persoal e aumenten a seguridade en se mesmos sitiendo o espazo urbano como propio.