O programa de Colonias Felinas do CAAN comeza coas esterilizacións de gatos

Pontevedra
25 de abril 2024

O proceso acaba de arrancar nos 46 concellos de menos de 20.000 habitantes adheridos ao servizo

Un gato na rúa
Un gato na rúa / Mónica Patxot

O Centro de Recollida e Protección Animal (CAAN) en Armenteira comezou esta semana co servizo de esterilización de gatos procedentes de colonias felinas legalmente establecidas. 

Nas vindeiras semanas o persoal do CAAN estará a disposición dos 46 concellos de menos de 20.000 habitantes adheridos a este servizo que ofrece a Deputación para axudarlles no cumprimento da Lei vixente na actualidade, que determina que están obrigados a xestionar as colonias felinas, identificando, esterilizando, vacinando e desparasitando os animais que as integran. 

As solicitudes atenderanse por estrita orde de entrada e desenvolveranse os luns, martes e mércores de cada semana. 

Os concellos interesados deberán achegar a solicitude de esterilización de gatos recollidos nas colonias felinas, así como unha memoria na que se especifique, entre outras cuestións, o número de colonias no seu termo municipal e os animais presentes en cada unha delas. 

Ademais, deberán recoller os animais nun prazo máximo de 36 horas dende a súa chegada ao CAAN e, xunto aos felinos, entregaráselles un certificado de esterilización no que se indicarán as intervencións realizadas, os coidados e tratamentos a ter en conta.