O programa 'Descubre Poio' afondou na utilidade e eficacia das redes sociais

Poio
21 de febreiro 2023

O vindeiro luns, 27 de febreiro, terá lugar a primeira xuntanza temática de 2023, no Casal de Ferreirós, a partir das 20.00 horas

Casal de Ferreirós PontevedraViva

As formacións impulsadas a través da segunda edición do programa 'Descubre Poio', promovido pola Concellería de Turismo, xa están en marcha. 

A pasada semana o Casal de Ferreirós, na parroquia de San Salvador, acolleu unha sesión formativa para profesionais do sector, que se centrou no uso das redes sociais. 

A esta primeira formación do ano 2023 seguirá a vindeira semana, concretamente o luns 27, a primeira xuntanza de traballo desta segunda edición do 'Descubre Poio'. Esta terá lugar tamén en Ferreirós e para poder participar na mesma será preciso inscribirse chamando ao 625120475 ou enviando un correo electrónico a ola@descubrepoio.com.

Ademais, tal e como lembra a edil de Turismo, Silvia Díaz, as formacións gratuítas terán continuidade ao longo do mes de marzo, con sesións sobre rendibilidade e custes e novas tecnoloxías.

A tenente de alcalde entende que este programa é unha ferramenta moi efectiva á hora de dar un valor engadido e enriquecer a experiencia turística de Poio como destino de lecer. Tamén se fai fincapé na importancia de promover actividades e propostas que axuden a consolidar a desestacionalización, de xeito que "Poio resulte un lugar atractivo para escapadas, visitas e vacacións ao longo dos doce meses do ano".