O programa Ecoinnova Poio retoma as súas charlas informativas sobre aforro enerxético

Poio
27 de xaneiro 2023

A primeira sesión de 2023 terá lugar o vindeiro martes, 31 de xaneiro, no Casal de Ferreirós, ás 20.00 horas, e versará sobre fórmulas para acadar un maior aproveitamento no consumo

Contador eléctrico
Contador eléctrico

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, informa de que a vindeira semana retomaranse as charlas informativas que forman parte do programa EcoInnova Poio. 

Esta é unha iniciativa organizada polo Concello de Poio que iniciou a súa actividade o pasado mes de decembro, co obxectivo de promover a optimización e mellora dos recursos enerxéticos, cunha maior sostibilidade e axudando a particulares e negocios a reducir custes. 

Entre as accións que se impulsan figuran servizo de asesoramento informativo para analizar os locais e propoñer medidas para conseguir aproveitar ao máximo a enerxía eléctrica "pagando un prezo axeitado".

Logo das charlas celebradas en decembro, a seguinte será o vindeiro martes, día 31 de xaneiro, no Casal de Ferreirós, a partir das 20.00 horas. Para participar na mesma será necesario inscribirse chamando ao 625120475 ou enviando un correo electrónico á dirección [email protected]

Mentres que as dúas primeiras citas se centraron en analizar fórmulas para unha correcta interpretación da factura da luz, expoñendo casos concretos, nesta ocasión o técnico especializado Diego Padín achegará pautas e métodos efectivos no noso día a día para conseguir un maior aforro enerxético. 

Gregorio Agís adianta que "a nosa intención e continuar coas charlas informativas de xeito periódico, cada dúas semanas, abordando temáticas relacionadas coa eficiencia enerxética tendo en conta a demanda dos e das participantes".