Varios integrantes de entidades que traballan pola discapacidade en Pontevedra xa comezaron a realizar actividades nas Redes Sociais e en prensa escrita dentro do programa Hefesto 2015 que, nesta edición, céntrase nos medios de comunicación. Desta forma, os membros destes colectivos forman parte de diversos equipos de traballo para realizar radio, prensa escrita, redes sociais, spots e actividades audiovisuais co obxectivo de presentar os seus traballos nun evento final o 3 de decembro, con motivo do Día internacional das Persoas con Discapacidade, que se desenvolverá no Teatro Principal.
Este mércores 10 presentábase no Concello de Pontevedra, a través da concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, a proposta que se está a desenvolver coa colaboración da Facultade de Comunicación Audiovisual e de sete medios de comunicación, entre os que se atopa PontevedraViva.
Na presentación tamén se atopaban Sergio González e Chema Sanmartín, pertencentes ao grupo de Prensa escrita, que leron o decálogo sobre as boas prácticas onde reclaman quea palabra "persoa" vaia antes da palabra "discapacidade" e non se lles trate como vítimas xa que o 10% da sociedade ten algunha discapacidade. Reclaman, ademais, que se lles trate como independentes e protagonistas da súa vida baixo o lema "nada sobre nós sen nós".
Fernando Iglesias e Antonio Ares, integrantes do equipo de radio, tamén leron as propostas do programa Hefesto que se desenvolve dentro da programación da Casa Azul na que participan a asociación Juan XXIII, Amizade, Down-Pontevedra Xuntos, Alba Amencer-Aspace, Asociación de Sordos de Pontevedra "Río Lérez", entre outros colectivos.