O programa municipal Apego abre as súas inscricións para as actividades deste outono

Pontevedra
23 de setembro 2024

Trátase de actividades dirixidas a pais e nais coas que coñecerán recursos que sirven para activar ou enriquecer a lingua que se fala en familia coas crianzas, amais de promover espazos de socialización en galego

Sesión de Encontros familiares creativos
Sesión de Encontros familiares creativos / Mónica Patxot

Xa está aberto o programa de actividades do programa Apego para esta primavera. As actividades van dirixidas ás nais e pais, para darlles a coñecer recursos que sirvan para activar ou enriquecer a lingua que se fala en familia coas crianzas, e tamén para promover espazos de socialización en galego para as familias con nenos até 6 anos; consonte os obxectivos do programa Apego.

O programa deste outono está cheo de propostas novidosas. Só repiten dúas sesións de Prende no colo, con Luís Prego e Samuel Soto, para aprender arrolos e cantigas para bebés. Todas as demais propostas do outono son novidades no Apego de Pontevedra: O pozo do encanto, con Lydia Botana e Fabaloba; Tralará. Contos, obxectos e música, con Marta Ortiz; o Cuco veu por acá e machou por alá, con Percubebés; Café Dorothé con Sonsoles Penadique; A galiña dos ovos de conto, de Pedras de Papel, Pelica de burra, con Vero Rilo e Luís Iglesias.

Tamén se inclúen cinco novas propostas para achegarse a oficios tradicionais con obradoiros que unen as explicacións, contos, debuxos e música de Ab Origine e Polo Correo do Vento, acompañados pola música de Marcelo Dobode. Cada sesión constará dunha pequena explicación de carácter antropolóxico sobre o tema da sesión, un conto, unha sesión guiada de debuxo e un pequeno obradoiro para practicar os oficios que as familias irán coñecendo e experimentando: gaiteiros e pandeireteiras; mariñeiros, mariscadoras e redeiras, ferreiros e labregas e muiñeiros. 

Todas actividades son de balde, mais cómpre inscribirse previamente en apuntate.pontevedra.gal. As prazas son limitadas. Para sumarse ao programa Apego cómpre solicitar cita a través do
formulario do web www.apego.gal ou no Servizo de Normalización Lingüística do Concello 986863157.