O proxecto da nova biblioteca de Bueu "supoñerá un antes e un despois"

Bueu
18 de decembro 2021

O alcalde de Bueu e o concelleiro de Patrimonio presentaron nun acto aberto á cidadanía o proxecto da nova biblioteca municipal, cuxa reforma será licitada no principio do ano segundo avanza o goberno local

Acto público para presentar o proxecto de reforma da biblioteca municipal de Bueu
Acto público para presentar o proxecto de reforma da biblioteca municipal de Bueu / Concello de Bueu

O Concello de Bueu organizou este sábado, 18 de decembro, un acto público para presentar o proxecto da nova biblioteca municipal, unha reforma que " supoñerá un antes e un despois", defende o alcalde, Félix Juncal.

Unha trintena de persoas acudiron á cita para coñecer os detalles da mellora da infraestrutura cultural situada no Parque Ramal dos Galos, unha obra que segundo o goberno local será licitada a principios do próximo ano.

Esta actuación, valorada en 919.559 euros, vaise levar a cabo cunha subvención do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra asumindo o 80% do custo dunhas obras que deberán estar concluídas antes de abril do 2023. 

Os arquitectos redactores do proxecto, Manuel Chapela e Ricardo Morales, foron os encargados de explicar os seus aspectos máis técnicos, cos que buscan adaptar o centro ás esixencias dunha biblioteca do século XXI en usos e servizos, ademais de resolver os problemas detectados a nivel estrutural no edificio e prestando unha especial atención á mellora da accesibilidade, seguridade e á eficiencia enerxética.

A intervención servirá para ampliar o edificio actual, ao que se engadirá unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, e que permitirá trasladar o Arquivo Municipal, que actualmente se atopa en Cela. O proxecto prevé que a planta baixa mantería as dependencias da biblioteca, que se ampliarían con sala de estudos, de informática e polivalentes. 

"Queremos que a biblioteca sexa un motor que siga dinamizando a nosa vida cultural", defendeu na súa intervención o alcalde asegurando que o goberno local leva traballando coa idea de acometer esta mellora "moitos anos".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora