O proxecto de especialización do campus de Pontevedra inclúe un clúster e un programa de doutoramento

Pontevedra
04 de decembro 2015

A Facultade de Fisioterapia acolleu este venres a reunión do Consello do campus de Pontevedra, no que se estudaron os avances que se foron producindo no proxecto de especialización do campus da cidade coñecido por CREA S2i (Social & Sustainable Innovation), e que onte foi presentado en sociedade

Xuntanza do Consello do Campus Universidade de Vigo

A Facultade de Fisioterapia acolleu este venres a reunión do consello do campus de Pontevedra, no que se estudaron os avances que se foron producindo no proxecto de especialización do campus da cidade coñecido por CREA S2i (Social & Sustainable Innovation), e que onte foi presentado en sociedade.

Nesta xuntanza, o reitor, Salustiano Mato, afondou tanto no traballo realizado nos últimos meses no marco deste proxecto como nas actuacións que está previsto poñer en marcha proximamente, entre as que destacou o inicio dos traballos para a creación dun programa de doutoramento, así como a definición dun clúster que permitirá “que os investigadores se conecten entre si e xeren proxectos”.

Na reunión do consello, o reitor aproveitou para felicitar á dirección da Escola de Enxeñaría Forestal e ao equipo decanal Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación polo traballo realizado nos plans de viabilidade dos graos en Enxeñaría Forestal e Dirección e Xestión Pública, que veñen “de ser aprobados polos avaliadores externos, o que garante a súa continuidade”.

Ademais de para lembrar fitos recentes, como a consecución da primeira bandeira verde que o proxecto Green Campus da FEE (Foundation for Environmental Education) outorga a un campus en España.

Na xuntanza tamén se abordaron cuestións que afectan ao conxunto da institución académica, como a aprobación do plan de financiamento do Sistema Galego Universitario para o período 2016-2020.

Na sesión se aprobou a incorporación do decano de Ciencias da Educación e do Deporte, Vicente Romo, á Comisión de Extensión Universitaria, e o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, deu conta das diferentes actividades culturais promovidas ao longo dos últimos meses e que “nos permiten estar presentes na sociedade e involucrarnos cos distintos colectivos”.

Nese senso, Corbacho puxo de relevo a vontade da Vicerreitoría de promover iniciativas “nas que implicamos á cidadanía e que facemos para a cidadanía”, para lograr así unha maior conexión entre a universidade e a súa contorna. Con ese mesmo obxectivo, resaltou Corbacho, acometeranse proximamente os traballos de instalación dun carril-bici na parcela de acceso ao campus, dando continuidade á recente instalación, coa colaboración do Concello, de aparca-bicis nas diferentes facultades e escolas.