O proxecto de reforma da estación de autobuses, listo no verán

Pontevedra
07 de marzo 2018

Catro meses. É o prazo que ten a empresa Manuel Vázquez Muíño para redactar o proxecto básico e de execución de reforma da actual estación de autobuses de Pontevedra. Este traballo foi adxudicado polo goberno galego por un importe de 33.275 euros

Proxecto de reforma da estación de autobuses
Proxecto de reforma da estación de autobuses

Catro meses. É o prazo que ten a empresa Manuel Vázquez Muíño para redactar o proxecto básico e de execución de reforma da actual estación de autobuses de Pontevedra. Este traballo foi adxudicado polo goberno galego por un importe de 33.275 euros.

Esta reforma terá un custo total de 1,5 millóns de euros

As obras de remodelación da estación de autobuses forman parte das actuacións programadas para a estación intermodal de Pontevedra, que se complementa coas obras previstas de conexión desta terminal coa estación de ferrrocarril, cuxo proxecto construtivo está xa en redacción e suporán un investimento de 2,5 millóns de euros.

As obras de adecuación do edificio actual da terminal consistirán na reordenación dos locais, dotación de mobiliario (bancos, zona de recepción) e ventás, reparación de humidades e acondicionamento de superficies, teito e aseos, reparación da instalación eléctrica e renovación da iluminación.

Ademais, prevese actuar no exterior do edificio, mellorando a estética da fachada, renovando a cuberta aproveitando a luz natural ou afrontando a canalización e reparación dos elementos de recollida de augas pluviais, entre outros.

A outra parte do proxecto da intermodalide en Pontevedra está centrada na conexión entre a estación de ferrocarril e a de autobuses, para o que se prevé a execución dun itinerario peonil entre ambas instalacións, eliminarase o acceso ás dársenas desde a rúa da Estación, crearase unha praza pública, pavimentaranse as zonas de tránsito peonil e acondicionarase o aparcadoiro coa zona de despedida e a parada de taxis e da explanada da estación de tren.

Así mesmo, levarase a cabo o novo acceso de entrada e saída de autobuses desde a avenida de Josefina Arruti, reorganizarase a circulación dos autobuses na zona de dársenas e pecharase o ramal actual de entrada á estación coa liberación dos marcos de encauzamento do río Gafos e a adecuación da zona, ademais de executar o peche perimetral da estación.