O proxecto para a rehabilitación da emblemática zona termal de San Xusto encara a recta final

Cerdedo Cotobade
28 de marzo 2019

O goberno local de Cerdedo-Cotobade vai levar á vindeira sesión plenaria ordinaria, fixada para o próximo martes, a súa aprobación definitiva. Trátase do derradeiro trámite previo á licitación das obras, proceso que será acometido directamente polo Concello neste semestre. Contará cun orzamento de 686.000 euros 

Jorge Cubela na vella minicentral dos Baños de San Xusto
Jorge Cubela na vella minicentral dos Baños de San Xusto / Concello de Cerdedo-Cotobade

O proxecto de recuperación etnográfica, patrimonial e paisaxística dos Baños de San Xusto encara xa a recta final. O goberno local de Cerdedo-Cotobade vai levar á vindeira sesión plenaria ordinaria, fixada para o próximo martes, a súa aprobación definitiva.

Trátase do derradeiro trámite previo á licitación das obras, proceso que será acometido directamente polo Concello neste semestre. Contará cun orzamento de 686.000 euros, que serán financiados pola Consellería de Medio Ambiente en base ao convenio asinado co presidente municipal, Jorge Cubela.

A restauración integral das augas termais e os Baños de San Xusto consiste na rehabilitación da antiga minicentral, os edificios e as bañeiras, así como na recuperación dos muíños e doutros elementos patrimoniais e etnográficos da contorna, na que se poderá gozar dos beneficios das augas termais a través de pozas públicas.

Así, plantéxase a recuperación da antiga minicentral como balneario para o uso de augas sulfurofluoradas, a recuperación dos muíños para a súa conversión en saunas e as edificacións anexas para espazos de hostalaría, aínda que tamén se crearán zonas de lecer con plataformas de madeira, fontes cubertas para poder beber as augas, a posta en valor de todos os elementos patrimoniais e etnográficos e a mellora dos accesos e a urbanización.

No pleno tamén se aprobará o proxecto de construción do novo local para a parroquia de Tenorio, que ascende a 618.000 euros e será financiada con fondos propios, aparecendo unha partida específica no anexo de investimentos dos orzamentos municipais 2019.

O proxecto, que foi presentado aos veciños nunha xuntanza informativa celebrada hai unhas semanas, suporá a edificación dun inmoble de nova planta situado na travesía da parroquia entre o centro de saúde e a zona de Covas. Será un recinto de grandes dimensións, que superará os 500 metros cadrados, e que disporá dunha sala con capacidade para 300 persoas.