O proxecto para remodelar o campo de festas de Dorrón xa está listo

Sanxenxo
13 de febreiro 2022

Xa está listo o proxecto para remodelar o campo de festas de Dorrón. A proposta, que poñerá en valor este espazo da parroquia, rolda un orzamento de 175.000 euros

Campo de festas de Dorrón
Campo de festas de Dorrón / Concello de Sanxenxo

Xa está listo o proxecto para remodelar o campo de festas de Dorrón. A proposta, que poñerá en valor este espazo da parroquia, rolda un orzamento de 175.000 euros.

O obxectivo do Concello de Sanxenxo con esta obra é potenciar o valor paisaxístico e natural da contorna, destacando ademais a súa función como miradoiro sobre o val e a costa, e a súa alameda formada por carballos coa mellora dos espazos de estancia e descanso.

Dentro do novo espazo substituirán o actual escenario e as escaleiras de acceso por novas instalacións. O novo palco terá unha altura de 2 metros e unha planta de 14 metros cadrados, situado nunha das esquinas do campo e soportado por un muro de bloque de formigón armado cunhas escaleiras de acceso de granito. A planta baixa servirá de almacén.

O revestimento será de granito gris con iluminación na parede exterior. Ademais, o elemento protector será unha varanda de postes de madeira de piñeiro e protección de metacrilato con aceiro inoxidable. O fondo do palco contará co listonado e iluminación dispostos sobre o muro de formigón. Para actuacións de orquestras contemplan a posibilidade do pase dun camión espectáculo.

A reordenación do espazo será con pavimentos, respectando e enmarcando a posición das árbores. Desta maneira, a zona de paseo estará enmarcada en granito gris mondariz e o paseo será con lastra prefabricada de formigón en cor terracota.

A zona verde estará ao fondo da praza, que servirá de pano de fondo xunto co palco. Para este caso, deseñarán un axardinamento e dispoñerán dun peto de pedra de protección no límite da parcela. Pola súa banda, a iluminación proxectada estará incrustada no chan e tamén en báculos baixos para non entrar en conflito coa masa arbórea nin coa circulación de persoas ou vehículos á praza.

Por último, o Concello de Sanxenxo ten previsto colocar dous novos bancos de bloque de granito e rematados cun enlistonado de resina imitación de madeira. O acabado estará repetido nas bancadas, que limparán previamente antes de colocarlle as láminas de madeira. Ao fondo da praza tamén haberá un tramo sobre o muro de 5,90 metros.