O PSdeG-PSOE formaliza no Parlamento galego as demandas de profesorado e financiamento para manter novos ciclos de FP

Pontevedra
05 de agosto 2024

A deputada socialista Paloma Castro reuníase coa directiva do IES de Poio e dous representantes do partido neste Concello despois da renuncia do equipo directivo do centro este mesmo xullo

Protesta no IES de Poio
Protesta no IES de Poio

O PSdeG-PSOE presentou no Parlamento galego unha serie de iniciativas esixindo á Xunta financiamento e profesorado para aqueles centros que imparten novos ciclos de FP e cuxa xestión, por falta de recursos humanos ou económicos, resulta complicada ou insostible.

Un destes casos reprodúcese no IES de Poio, onde o pasado xullo dimitía todo o equipo directivo polo que estiman é unha "falta constante de atención" ás súas reclamacións de persoal e orzamento. Reclamacións referidas en particular ao ciclo de Guía do Medio Natural e de Tempo Libre. 

A deputada socialista, Paloma Castro, mantivo unha reunión coa dirección do centro educativo e os representantes do PSdeG-PSOE no Concello de Poio, Gregorio Agís e Silvia Díaz. Tras o encontro manifestaba que estas carencias prodúcense con "ciclos como o de Poio, que esixen prácticas, saídas e clases moi específicas e por este motivo consomen máis recursos económicos e necesitan docentes especializados". Así, cuestionaba que "non é de recibo que a Xunta se dedique a inaugurar ciclos e despois non os dote de financiamento", a pesar de que "recibe fondos europeos para o seu funcionamento".

Continuando coa tesitura do centro de Poio, a representante socialista expón que este ciclo medio consome o 40% dos recursos do IES tendo matriculados a vinte e dous alumnos en cada un dos dous cursos que imparte. Cuestionaba ademais que a dirección "se vise na obrigación de decidir entre restar dúas prazas ao cadro de persoal xeral ou que o profesor de Educación Física imparta contidos especializados", xa que "foron as posibilidades que lles ofreceu a Consellería de Educación cunha marxe de 24 horas para adoptar a decisión, debido a que a Xunta informou sobre ese extremo o último día de prazo para solicitar profesores".

.