O PSOE de Cerdedo-Cotobade pide fondos ao Concello para poñer en marcha as súas mocións aprobadas durante 2020

Cerdedo Cotobade
15 de xaneiro 2021

Os socialistas reclaman ademais que se inclúan partidas para combater as consecuencias económicas, sociais e sanitarias da pandemia e síganse mellorando os servizos á poboación de todas as parroquias

Concelleiros do PSOE de Cerdedo-Cotobade
Concelleiros do PSOE de Cerdedo-Cotobade

O grupo socialista do Concello de Cerdedo-Cotobade presenta unha serie de demandas ao goberno local que espera que sexan incluídas no orzamento municipal do 2021.

Desde a oposición diferencian as súas peticións en tres bloques. En primeiro lugar, as propostas presentadas ao longo do 2020 por este partido e que foron aprobadas en pleno por unanimidade. En segundo lugar, actuacións para axudar á poboación para superar a crise económicay sanitaria derivada da pandemia; e en terceiro lugar, iniciativas enfocadas na complexa situación do municipio

No primeiro bloque, piden os socialistas un servizo de bonotaxi, a limpeza dos ríos, a implantación dunha sala de espera no centro de saúde de Carballedo, mellores accesos ao colexio de Tenorio e máis dinamización cultural e deportiva nas parroquias.

O segundo piar pasa por reservar fondos para axudas á hostalería e pemes, mellorar a conexión a Internet, axudas para a compra de máscaras, subvencións para a compra de computadores ou a contratación de persoal para realizar labores de desinfección.

Finalmente, non se esquecen os socialistas do despoboamento do rural para o que piden un banco de alugueiro de vivienas, máis vivendas sociais e aprobar unha novo PXOM. Así mesmo ven necesario reforzar o sistema sanitario, incorporar un centro de día, mellorar a rede de transporte á residencia de maiores de Cerdedo, mellorar o servizo de axuda no fogar, iniciar o saneamento nas parroquias, axudas ao transporte escolar, campañas formativas para o tratamento de residuos, crear emprego e unha infinidade de peticións adicionais en materia de deportes, cultura e turismo.