O PSOE de Cotobade pedirá un pleno extraordinario para reclamar unha comisión de control da fusión

Cerdedo-Cotobade
29 de maio 2016

Os socialistas tamén critican a enquisa realizada polo goberno local por Cotobade sobre a fusión con Cerdedo. Afirman que está manipulada e que é pagada con cartos públicos

Lina Garrido, voceira do PSOE de Cotobade
Lina Garrido, voceira do PSOE de Cotobade / Mónica Patxot

Os socialistas de Cotobade reclaman ao alcalde Jorge Cubela que poña en marcha unha comisión de seguimento das alegacións ao proceso de fusión con Cerdedo. A portavoz socialista, Lina Garrido, entende que existe falta de transparencia neste tema e considera que é necesario que todos os grupos que forman parte da corporación deben formar parte desa comisión de seguimento e mesmo outros colectivos sociais. Piden, ademais, que non se incorporen ao expediente novos informes que avalen a fusión.

Ante a negativa do alcalde expresada no último pleno, o PSOE de Cotobade solicitará a convocatoria dun pleno extraordinario para debater esta petición, que deberá formalizarse nun prazo de 15 días.

Os socialistas critican tamén a enquisa que se está realizando polo municipio sobre a fusión. Apuntan que está "manipulada" e que se fai con fondos públicos, cargando os gastos ao orzamento municipal.

Ademais, Lina Garrido afirma que o Concello enviou unha revista aos veciños que "lonxe de ser unha revista informativa é un boletín do Partido Popular e como tal debe ser pagado cos seus cartos".