O portavoz municipal do PSOE en Marín, Manuel Pazos, considera "necesario" que existan alternativas para aparcar vehículos e para que "a zona de aparcamento 2 horas funcione con éxito".
Por este motivo os socialistas xa solicitaron hai un ano que se negociase co Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa ( INVIED) a cesión de parcelas na barriada Virxe do Carmen para aparcamento público, preto do centro de saúde. O acordo anunciouse polo goberno local a principios de xaneiro pero a día de hoxe "as parcelas seguen igual. Deben acondicionalas dunha vez e poñelas ao dispor dos veciños", reclama o PSOE.
Os socialistas demandan ao goberno local "que acondicione e poña dunha vez ao dispor dos veciños as parcelas de aparcamento para garantir a existencia de prazas suficientes nos momentos de maior demanda de espazo".
Manuel Pazos engade, "teñamos en conta ademais que ao estar operativa a zona de estacionamento por tempo limitado de 2 horas e a xente debe dispoñer de alternativas de aparcamento. Se lles dicimos que aparquen nos estacionamentos de bordo, debe haber prazas suficientes e para iso o Concello debe facer tamén os seus deberes. Non só debemos esixir aos veciños se non tamén ofrecer alternativas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.