O PSOE de Marín rexeita o skatepark do Lameira e pide deixar de construír na ribeira do río

Marín
05 de marzo 2021

Os socialistas cualifican de "ocorrencia" o proxecto do parque infantil e piden fomentar os espazos verdes e actuar no parque infantil e a cancha de fútbol sala xa existentes

Pradería da contorna do río Lameira na que o Concello de Marín proxecta construir un parque infantil
Pradería da contorna do río Lameira na que o Concello de Marín proxecta construir un parque infantil / PSOE de Marín

O anuncio do proxecto dun macroparque infantil que inclúe unha pista de skate e BMX na contorna do río Lameira provocou o rexeitamento da oposición.

O portavoz do PSOE de Marín, Manuel Pazos, alega que a ribeira deste río que transcorre polo centro urbano da vila "é amplamente utilizado pola cidadanía para achegarse un pouco á natureza".

Neste sentido, o socialista sinala que "a pradería que está pegada ao río xoga un papel fundamental nesa posta en valor do río porque achega espazo, amplitude e axuda a naturalizar a contorna do río".

Por iso, desde o grupo municipal do PSOE opóñense a "seguir construíndo novos elementos e infraestruturas á beira do río, a invadir os poucos espazos verdes que aínda temos. Esta proposta é disparatada e absurda pola localización escollida".

Cualifica Pazos de "ocorrencia" este proxecto por plantexar eliminar unha zona verde para construír un parque cando xa existe un. Tampouco comparten a necesidade dunha "pista de patinaxe" cando existe no lugar unha cancha de fútbol sala abandonada.

"Pedimos á señora Ramallo e á señora Sanmartín que se deixen de ocorrencias porque o que necesitamos é liberar o río Lameira de edificacións ilegais e de muros, e non que agora sexa o Concello quen se poña a construír nas súas marxes", remata.