O PSOE de Moraña revela que non existe solicitude da subvención pola que Piñeiro foi condenada

Umia
11 de febreiro 2021

O secretario xeral do PSdeG-PSOE de Moraña, Xoel Souto Eiras, revela que non existe no concello ningún documento de solicitude da subvención pola que a ex-alcaldesa e ex-delegada da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro foi condenada a dous anos de prisión e 8 de inhabilitación como cooperadora necesaria para a comisión dos delitos de estafa e prevaricación

Luisa Piñeiro á súa chegada aos xulgados da Parda
Luisa Piñeiro á súa chegada aos xulgados da Parda / Mónica Patxot

O secretario xeral do PSdeG-PSOE de Moraña, Xoel Souto Eiras, revela que non existe no concello ningún documento de solicitude da subvención pola que a ex alcaldesa e ex delegada da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro foi condenada a dous anos de prisión e oito de inhabilitación como cooperadora necesaria para a comisión dos delitos de estafa e prevaricación.

Xoel Souto reclamou a documentación ao secretario municipal e confirmou que "non hai ningún acordo do pleno ou xunta de goberno de solicitude subvención para as obras que motivaron a condena" e, engade que tampouco hai ningún decreto da Alcaldía.

A conclusión á que chega o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Moraña é que a ex alcaldesa "non pediu unha subvención para facer unhas obras, senón que Luisa Piñeiro, persoalmente, pediulle cartos ao seu compañeiro Louzán con cargo ao 20% discrecional que Louzán manexaba para pagar unhas obras que xa estaban feitas, polo menos en gran parte".

"Unha cousa é solicitar unha subvención e outra é pedir cartos a quen os reparte como se foran seus e entre os seus", conclúe Souto Eiras.