O PSOE de Sanxenxo rexeita o plan do Concello de transferir a xestión dos campos de fútbol aos clubs locais

Sanxenxo
10 de setembro 2020

Os socialistas consideran que esa medida afogaría economicamente aos equipos e xeraría conflitos entre as diferentes entidades futbolísticas do municipio

Partido entre Sanxenxo e Marcón en Baltar de Arriba
Partido entre Sanxenxo e Marcón en Baltar de Arriba / Diego Torrado

A intención do goberno local de Sanxenxo de transferir a xestión dos campos de fútbol municipais aos clubs de fútbol locais non foi ben recibida no principal partido da oposición. A portavoz do PSOE, Ainhoa Fervenza, considera que "a razón de ser das instalacións deportivas públicas é fomentar o deporte. Que Telmo pretenda agora librarse dos gastos que xeran e cargarllos aos clubs é deshonesto".

Os socialistas están de acordo en esixir que os usuarios ciuden as instalacións e en evitar gastos innecesarios, pero "haberá que buscar unha solución intermedia para facerlle cumprir as súas obrigas sen necesidade de transferirlle a xestión integral dos mesmos. Como van pagar a luz ou a auga os clubs? ¿Quen vai asumir a reparación das avarías que se poidan producir?", pregúntase Fervenza. 

Outro inconveniente que atopan os socialistas a este proxecto é que "ademais de afogar economicamente aos clubs, xeraría conflito e malestar entre eles. É como poñer unha casa de cultura en mans de unha única asociación", ilustra a socialista.