O PSOE denuncia que o compost elaborado en Monte Porreiro permanece apilado en bolsas

Pontevedra
22 de xaneiro 2018

O grupo municipal socialista asegura que "hai casos nos que leva unha semana e outros nos que xa vai camiño das dúas semanas sen que o concello saiba que facer co compost". Tino Fernández considera que "é unha situación inadmisible, froito da falla de previsión" 

Traballos de compostaxe en Monte Porreiro
Traballos de compostaxe en Monte Porreiro / Mónica Patxot

O grupo municipal socialista continúa coas súas críticas á xestión do goberno local en relación co traballo coa compostaxe no barrio de Monte Porreiro. A nova crítica, que se suma ás xa realizadas semanas atrás, ten que ver co feito de que o compost elaborado permanece apilado en bolsas  ao carón dos composteiros. 

"Hai casos nos que leva unha semana e outros nos que xa vai camiño das dúas semanas sen que o concello saiba que facer co compost. É unha situación inadmisible, froito da falla de previsión", critica o portavoz municipal do PSOE, Tino Fernández. 

Os socialistas anuncian que presentarán unha solicitude de reunión para que o goberno dea conta da situación que se está a vivir en Monte Porreiro, do destino do compost e dos plans de futuro acerca da implantación en outras zonas do concello. 

Tino Fernández indica que esta situacion indigna á veciñanza e critica que "non se pode empezar a casa polo tellado", pois o que está a pasar agora no barrio é que saen á luz as consecuencias da falla dunha folla de ruta clara sobre a implantación da compostaxe.

"O goberno local ten que dar explicacións e buscar solucións. Isto non pode continuar así", engade Tino Fernández, que insiste en que a compostaxe é un asunto moi serio no que non valen as ocorrencias e reitera que os socialistas apostan por un gran pacto que permita avanzar e consolidar este sistema, "dende a racionalidade e a sensatez".