O PSOE homenaxeará o 8 de marzo ás milleiros de mulleres "invisibilizadas por adicarse a xestionar o seu fogar"

Pontevedra
06 de marzo 2016

O PSdeG-PSOE de Pontevedra celebrará o Día Internacional da Muller cun acto en homenaxe a Julia Paredes que queren que sexa un recoñecemento á traxectoria persoal da militante socialista dende 1980 e aos milleiros de mulleres ás que chaman amas de casa. Será o martes ás 20.30 horas na sede do partido coa asistencia de Carmela Silva  

Iván Puentes, Agustín Fernández e Paloma Castro, diante do edificio do Concello
Iván Puentes, Agustín Fernández e Paloma Castro, diante do edificio do Concello / Cristina Saiz

O PSdeG-PSOE de Pontevedra celebrará o Día Internacional da Muller, que se conmemora en todo o mundo o 8 de marzo, cun acto en homenaxe a Julia Paredes que queren que sexa tanto un recoñecemento á traxectoria persoal da militante socialista como aos milleiros de mulleres "invisibilizadas por adicarse a xestionar o seu fogar e ao coidado de familiares".

Os socialistas lembran nun comunicado que é tradición xa na súa agrupación conmemorar o Día da Muller cun acto no que se rende homenaxe a algunha das moitas mulleres socialistas que "coa súa traxectoria persoal ou profesional traballaron e traballan na cidade a prol dos principios de liberdade, igualdade e solidariedade, que inspiran o ideario do Partido Socialista".

Nesta ocasión, o secretario xeral do PSdeG-PSOE en Pontevedra, Tino Fernández, indica que Julia Paredes é unha deses milleiros de mulleres invisibilizadas ás que chaman amas de casa e que sen recibir un salario nin ter dereitos laborais nin en moitas ocasións nin siquiera recoñecemento social adicaron a súa vida a xestionar un fogar e coidar dos seus familiares enfermos, sen apoio público de ningún tipo ata a aprobación da Lei de Dependencia por parte do goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero.

Ademais dese extraordinario esforzo persoal, Julia Paredes é desde o ano 1980 unha militante activa do PSOE, disposta a regalar o seu escaso tempo libre, as súas enerxías e incluso a súa casa a un proxecto político no que sempre creu. A súa casa era o lugar habitual de reunión dos militantes do partido socialista de Pontevedra nos tempos da clandestinade, nos últimos anos da ditadura franquista.

O acto público, que terá lugar este martes ás 20.30 horas na sede socialista, estará presidido pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, de quen Tino Fernández destaca que é "outro exemplo de muller traballadora e comprometida co seu país".