O PSOE insta á Xunta a cubrir a baixa da médica no centro de saúde de Ponte Sampaio

Pontevedra
29 de agosto 2023

O Grupo Socialista vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias pola falla de médico nos centros de saúde da comarca de Pontevedra

Centro de saúde de Ponte Sampaio
Centro de saúde de Ponte Sampaio / Pontevedraviva

O Grupo Socialista vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias pola falla de médico nos centros de saúde da comarca de Pontevedra. 

Aseguran que "a negativa do Sergas a cubrir as baixas" obriga a derivar os pacientes ao Centro de Saúde da Peregrina e o PAC da Parda, "provocando a súa saturación e a perda da calidade asistencia".

A deputada do PSOE Paloma Castro urxe ao Sergas a que contrate un profesional que cubra a baixa por vacacións da médica adscrita ao centro de Ponte Sampaio, así como dos concellos limítrofes, "e que está a provocar a desatención á cidadanía e a súa derivación a outros centros máis afastados e que tampouco contan con persoal suficiente".

Castro denuncia a situación sanitaria da comarca e cualifica de "intolerable" a "política de desleixo que está a levar a Xunta de Galicia", que "está a privar á cidadanía dun dereito básico como é o acceso á saúde".