O PSOE intenta sen éxito forzar no Parlamento que a Xunta entre na Fundación Lago de Castiñeiras

Vilaboa
04 de marzo 2016

Carmen Gallego destacou que Cotorredondo é un espazo que, na actualidade, está unicamente sostido polas comunidades de montes de Marín e Vilaboa e está "gravemente deteriorado". Na súa opinión, con planificación, diálogo e un investimento relativamente cativo, poderíase aproveitar o potencial de natureza, turístico e de lecer deste entorno 

Centro de recuperación de fauna silvestre no Lago de Castiñeiras
Centro de recuperación de fauna silvestre no Lago de Castiñeiras / PontevedraViva

O PSdeG-PSOE tentou este venres forzar no Parlamento de Galicia que a Xunta "entrase e participase a través de varias consellerías" na Fundación Lago de Castiñeiras-Cotorredondo, pero non conseguiu que a súa proposta chegase a bo porto e atopou unha negativa da Administración. En contraposición, o Goberno galego, insistiu en anunciar o traslado do centro de recuperación de fauna silvestre ao Concello de Cotobade

Os socialistas buscaban defender o espazo natural actualmente adicado á recuperación de fauna silvestre entre concellos de Vilaboa e Marín a través dunha pregunta parlamentaria da súa viceportavoz, Carmen Gallego. A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, respondeulle que Xunta de Galicia non ía entrar no padroado da fundación, segundo informa o PSOE nun comunicado.

Carmen Gallego destacou que Cotorredondo é un espazo que, na actualidade, está unicamente sostido polas comunidades de montes de Marín e Vilaboa e está "gravemente deteriorado", tanto no que atinxe á conservación das estradas como das instalacións construídas, dende o mirador ata os comedeiros dos animais salvaxes, o centro de recuperación da fauna e a aula de conservación da natureza. 

Na súa opinión, con planificación, diálogo e un investimento relativamente cativo, poderíase aproveitar o potencial de natureza, turístico e de lecer deste entorno de xeito que reverta en beneficios socio-económicos para os dous concellos.