Os problemas ocurridos entre o luns e o martes desta semana na Audiencia Provincial de Pontevedra con motivo do xuízo con xurado celebrado na Sección Segunda polo coñecido como crime da desbrozadora de A Cañiza chegaron este xoves ao Parlamento de Galicia a través de distintas iniciativas do grupo parlamentario do PSOE.
As iniciativas, impulsadas pola deputada pontevedresa Patricia Vilán e ás que tivo acceso PontevedraViva, cargan contra a actuación da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, á que atribúen unha "absoluta imprevisión" e botan en cara que non dotou dos medios necesarios ás persoas que formaron parte do xurado.
"Nin botellas de auga nas horas que duraron as sesións de deliberación, nin comida 'decente', nin cea (tiveron que ir cear a unha bocatería, escoltados pola Policía Nacional), nin habitacións dispoñibles á hora que saíron da Audiencia",, lembra a deputada socialista, unhas circunstancias feitas públicas por este e outros xornais ao remate do xuízo.
As distintas iniciativas do grupo parlamentario do PSOE van enfocadas á busca de solucións e inclúen unha proposición non de lei para instar á Xunta de Galicia a nomear unha persoa responsable de xestionar todos os trámites relacionados coa citada intendencia para as audiencias provinciais das catro provincias e as seccións das mesmas nas cidades de Vigo e Santiago de Compostela.
Ademais, os socialistas presentaron este xoves por rexistro unha interpelación para preguntar que ten que dicir a Xunta das incidencias na intendencia relacionada cos cidadáns xurados que participaron neste xuízo en concreto na Audiencia de Pontevedra. Engade máis preguntas concretos como "de quen é a responsabilidade de non ter dotado dos medios necesarios ás persoas que formaron parte dese xurado popular?" ou "Vai depurar responsabilidades o Goberno?".
As iniciativas asinadas por Patricia Vilán Lorenzo, Juan Manuel Díaz Villoslada e Matilde Begoña Rodríguez Rumbo lembran que "a ninguén se lle escapa que participar nun xurado supón unha obriga que xera presión aos 11 cidadáns legos en Dereito (9 titulares e 2 suplentes) que deben exercer esta función cando son seleccionados e posteriormente elixidos".
Inciden, ademais, en que neste xurado en particular, os cidadáns xurados que participaron tiveron que estar dous días enteiros deliberando (incomunicados, polo tanto) para chegar a un veredicto e sufriron unha "absoluta imprevisión", pese a que a Dirección Xeral de Xustiza ten coñecemento de que vai haber sorteo de xurados 2 ou 3 meses antes de que comecen os xuízos, imprevisión que tivo que solucionar o persoal adscrito á Sección Segunda da Audiencia Provincial.
Hai anos, era persoal da Xunta de Galicia quen xestionaba este tipo de trámites, pero os socialistas critican que "hai anos que se ten desentendido a Dirección Xeral de Xustiza e, polo tanto, responsabiliza ao conselleiro responsable de Xustiza, Alfonso Rueda.
Os detalles do sucedido poden coñecerse nesta publicación de PontevedraViva.