O PSOE marinense esixe cambios no proxecto do parque Eguren e o BNG reafirma a súa oposición

Marín
16 de xuño 2024

A postura do PSOE de Marín respecto ao proxecto de aparcamento no parque Eguren é clara: "é unha obra necesaria, pero débense introducir cambios profundos na súa formulación". Así o expuxo o partido socialista despois de expoñer os problemas detectados tras a análise conómico e financeiro encargado polo Concello a unha empresa externa. Pola súa banda, o BNG reafirma estar en contra do proxecto

Parque Eguren, en Marín
Parque Eguren, en Marín / Mónica Patxot

A postura do PSOE de Marín respecto ao proxecto de aparcamento no parque Eguren é clara: "é unha obra necesaria, pero débense introducir cambios profundos na súa formulación".

Así o expuxo o partido socialista despois de expoñer os problemas detectados tras a análise conómico e financeiro encargado polo Concello a unha empresa externa. Pola súa banda, o BNG reafirma estar en contra do proxecto.

No caso do PSOE, insisten en que a forma de expolo "é moi prexudicial para os intereses de Marín e para os marinenses" xa que a obra ten un custo de 4,2 millóns de euros, pero o Concello terá que pagar 88.000 euros ao ano ao explotador durante os 40 anos que dura a concesión en concepto de "compensación económica", o que fará que "acabemos pagando 3,5 millóns de euros a quen faga o aparcadoiro".

Cren que esta cifra significa "un mal negocio" para as arcas municipais ao considerar que será o Concello o que deberá pagar o 83% do prezo total da obra.

O estudo económico estima que a taxa de ocupación do aparcamento será do 16,5%, "pero non se xustifica de ningunha maneira". Esta cifra é "clave" xa que será a que permita saber a rendibilidade do mesmo, por iso os socialistas aseguran que queren un aparcadoiro no Eguren, "pero non calquera aparcadoiro e non a calquera prezo. Esiximos unha reconsideración do proxecto".

O BNG, EN CONTRA

"A construción deste aparcamento atraería máis coches ao centro de Marín en lugar de sacalos", aseguran os nacionalistas. Esta situación incrementaría o tráfico en rúas como Concepción Arenal, A Estrada ou Ezequiel Massoni, afectando tamén os colexios.

É por iso que desde o BNG manteñen a súa postura en contra da construción deste aparcadoiro xa que, ademais, os estudos realizados polo goberno local desde o ano 2019 afirman que "non sería rendible".

En palabras do concelleiro Tino Iglesias, "é necesario avaliar todas as opcións dispoñibles antes de tomar unha decisión definitiva" e insisten en que presentaron numerosas propostas, como a creación dun aparcamento en Méndez Núñez e na zona da Disa, todas elas "apoiadas por expertos para solucionar os problemas de aparcamento e, esta última, foi ridiculizada polo PP ao considerala afastada do centro urbano".

Consideran que é necesario mellorar a calidade dos veciños e veciñas de Marín pero con solucións "viables e sostibles. Non nos opoñemos á necesidade real de aparcamento, senón aos parches a curto prazo e a longo prazo que supoñerán unha responsabilidade que a veciñanza non ten que asumir", concluíu.