O PSOE pontevedrés propón construir unha pasarela peonil sobre as pilastras do antigo trazado ferroviario

Pontevedra
05 de decembro 2013

Os socialistas pontevedreses queren que o Concello de Pontevedra se dirixa á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, á Deputación Provincial e ao Concello de Poio para a sinatura dun convenio que contemple a redacción do proxecto e a realización das obras de construción dese paseo peonil e para ciclistas entre Pontevedra e a praia de Lourido

Pilastras do antigo trazado ferroviario fronte a ponte da Barca
Pilastras do antigo trazado ferroviario fronte a ponte da Barca / Juan Mejuto

O grupo municipal do PSdeG-PSOE, presentou diante do Pleno da Corporación, unha moción sobre a ordenación do tráfico na ponte da Barca e nas rúas adxacentes na que, entre outros puntos, propón construir unha pasarela peonil sobre as pilastras do antigo trazado ferroviario.

Os socialistas pontevedreses queren que o Concello de Pontevedra se dirixa á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, á Deputación Provincial e ao Concello de Poio para a sinatura dun convenio que contemple a redacción do proxecto e a realización das obras de construción dese paseo peonil e para ciclistas entre Pontevedra e a praia de Lourido. Un paseo a carón da ponte da Barca, que percorra a costa, "con criterios ambientais e paisaxísticos".

Ademáis na moción os concelleiros do PSOE perseguen que o goberno local se reafirme "en restablecer o dobre sentido de circulación entre Pontevedra e Poio a través da ponte da Barca, permitindo o acceso a través das rúas próximas, en coincidencia temporal co remate das obras de Acuaes".

Segundo trasladou o voceiro socialista, Antón Louro, a moción pide "un estudo rigoroso dos tráficos e circulación na ponte, pero tamén nas rúas de Colón, Alfonso XIII, Echegaray e Alameda". O estudo debe abranguer un período suficiente para proporcionar datos significativos, incluíndo as variacións estacionais.

E finalmente insta a que calquera decisión que se adopte sobre a regulación do tráfico na ponte da Barca ou nas rúas que conducen a el "debe estar precedida por ese estudo, pero tamén dun diálogo aberto cos concellos afectados e coa Administración titular da infraestrutura, a Xunta de Galicia".