O PSOE propón a creación dunha Cidade do Deporte en Pontevedra

Pontevedra
06 de maio 2023

A creación dunha Cidade do Deporte en Pontevedra foi unha propostas presentada este sábado polo candidato do Partido Socialista á Alcaldía, Iván Puentes no marco do coloquio 'Hoxe falamos de... Deportes'

Presentación das propostas deportivas do candidato do PSOE, Iván Pontes
Presentación das propostas deportivas do candidato do PSOE, Iván Pontes

A creación dunha Cidade do Deporte en Pontevedra foi unha propostas presentada este sábado polo candidato do Partido Socialista á Alcaldía, Iván Puentes no marco do coloquio 'Hoxe falamos de... Deportes'.

Neste acto electoral, Puentes estivo acompañado polo xogador do Pontevedra CF David Fraga e polo presidente do Club Naval, Carlos Paz 'Carletes', ámbolos dous na súa lista electoral.

O PSOE plantexa a dotación dun "moderno complexo deportivo", promovido en colaboración coa Xunta e o Pontevedra CF e que contaría cunha pista de atletismo cuberta que permita a programación e continuidade nos seus adestramentos á marxe do clima, así como a celebración de campionatos e eventos deportivos.

Entre as medidas do programa deseñado polos socialistas de cara aás eleccións do 28 de maio figuran a asunción da xestión da piscina de Ponte Muíños por parte do Concello; o impulso da construción do Centro Polideportivo da Parda, e a mellora do campo de fútbol do CEIP A Xunqueira II, permitindo os adestramentos dos clubs en horario non lectivo e integrándoo no Complexo Manolo Barreiro. 

Puentes tamén aposta por incrementar o número de campos de herba artificial, homologando algúns deles para múltiples deportes (como o fútbol, o rugby ou o béisbol); construír novos pavillóns municipais e organizar desde o Concello o uso dos pavillóns escolares para poñelos a disposición de clubs de tódalas disciplinas fóra de horario lectivo, chegar a un acordo para permitir o uso do campo de fútbol 8 do IES A Xunqueira I, e potenciar o uso do Lérez para deportes de auga.

Neste sentido, o PSOE propón de organizar un 'Descenso do río Lérez', "un evento lúdico de carácter popular que consistiría nun percorrido dende a praia fluvial ata o embarcadoiro da Autoridade Portuaria nas Corbaceiras, cubrindo unha distancia de aproximadamente 3,5 km, cunha duración estimada de 1 hora e baixa dificultade, o que o faría accesible a persoas de tódalas idades".

Ademais, o programa deseñado polo equipo de Iván Puentes proxecta a promoción de medidas específicas que permitan erradicar a fenda de xénero no acceso ás actividades deportivas, así como o fomento do asociacionismo feminino no deporte e os clubs deportivos. 

No programa socialista contémplase tamén a mellora e ampliación do Bike Park da Fracha, a creación dun circuíto de competición de Mountain Bike MTB, a actualización da actual pista de BMX situada a carón do Miradoiro de Monte Porreiro converténdoa nunha instalación de pump track, e a ampliación das instalacións para a práctica do skate e doutros deportes urbanos.