O PSOE propón construír un "macroedificio" que acolla aos Bombeiros, Protección Civil e ás Policías Local e Nacional

Pontevedra
11 de xuño 2024

O grupo municipal do Partido Socialista presentará unha moción para o seu debate no pleno da próxima semana na que pide ao Concello de Pontevedra que inicie "con carácter urxente" os trámites para a construción dun novo edificio municipal de emerxencias

Ivan Puentes
Ivan Puentes / Mónica Patxot

O grupo municipal do Partido Socialista presentará unha moción para o seu debate no pleno da próxima semana na que pide ao Concello de Pontevedra que inicie "con carácter urxente" os trámites para a construción dun novo edificio municipal de emerxencias, que acolla as dependencias da Policía Local, dos Bombeiros e de Protección Civil nun único inmoble.

Pero os socialistas tamén queren que nese "macroedificio" tamén inclúa as dependencias da Comisaría Provincial da Policía Nacional.

O portavoz local do PSdeG-PSOE, Iván Puentes, entende que o Concello de Pontevedra debe aproveitar esta "oportunidade histórica" para "estudar co Ministerio do Interior do Goberno de España unha posible colaboración que se traduza na construción e na xestión conxunta dese novo edificio de emerxencias".

Para o PSOE esta proposta de "macroedificio" supoñería "reducir custos de construción" porque sería un "financiamento compartido" entre o Concello e o Goberno de España e conlevaría unha serie de vantaxes como o incremento da coordinación entre as dúas policías que actúan na cidade.

Os concelleiros socialistas queren que se faga un estudo para buscar unha localización para construír ese edificio con todos estes servizos incluídos. 

Iván Puentes comentou que esta proposta foi acordada cos representantes dos traballadores do Concello de Pontevedra, "fundamentalmente de Policía Local e de Bombeiros", e tamén está "falada e consensuada" cos tres principais sindicatos da Policía Nacional, o SUP, a CEP e JUPOL.

"Propoñemos ser ambiciosos", dixo Iván Puentes que pediu "altura de miras" para "prestar un mellor servizo á cidadanía e poder nese novo edificio de emerxencias concentrar todos os servizos que traballan no Concello de Pontevedra, independentemente da administración da que dependan".