O PSOE propón converter a estrutura do Mercado de Cantodarea nun aparcamento en altura

Marín
09 de xuño 2024

Segundo o portavoz do PSOE en Marín, Manuel Pazos, "durante décadas tivemos o esqueleto do que ía ser o mercado de Cantodarea, e cremos que pode ser interesante convertelo nun aparcamento en altura"

Estrutura do edificio que ía acoller o mercado de Cantodarea
Estrutura do edificio que ía acoller o mercado de Cantodarea / PSOE de Marín

O grupo municipal do PSOE no Concello de Marín presentou unha moción, que será debatida a próxima semana no pleno municipal, na que propón converter a estrutura do Mercado de Cantodarea nun aparcamento en altura.

Segundo o portavoz do PSOE en Marín, Manuel Pazos, "durante décadas tivemos o esqueleto do que ía ser o mercado de Cantodarea, e cremos que pode ser interesante convertelo nun aparcamento en altura".

Por iso solicitará que se estude a viabilidade dese estacionamento "con baixo e dúas plantas de aparcamento, que é o que xa ten o edificio actual e que permitiría entre 30 e 35 prazas de aparcamento en cada planta". 

Segundo apuntan desde o PSOE, "construír un aparcamento en altura é moito máis económico que facelo subterráneo e permitiría obter a metade de prazas que se proxectan no Parque Eguren a un prezo cinco ou seis veces menor".