O PSOE provincial esixe á Xunta "medidas e axudas" para paliar os danos do temporal

Pontevedra
04 de febreiro 2017

A Xunta debe dispoñer "de xeito inmediato de medidas e a mobilización de recursos económicos para mitigar estes danos", declarou o secretario xeral dos socialistas pontevedreses, Santos Héctor

Santos Héctor e Marta Ferreirós
Santos Héctor e Marta Ferreirós / PontevedraViva

O Partido Socialista da provincia de Pontevedra esixiu este sábado á Xunta de Galicia que poña en marcha "medidas e axudas" para paliar os efectos dos temporais que atravesaron Galicia nas últimas horas.

Para o secretario provincial dos socialistas, o goberno autonómico debe dispoñer "de xeito inmediato de medidas e a mobilización de recursos económicos para mitigar estes danos", sinalou nun comunicado.

As sucesivas borrascas das últimas horas provocaron, explican os socialistas, importantes danos en equipamentos públicos e privados en toda a comunidade.

Esta petición realízana porque, para o PSOE, mentres os servizos de emerxencia están a traballar ao 100% estes días "a Xunta está a deixar pasar o tempo sen ningún tipo de iniciativa política para corrixir todos os problemas que acontecen por todo o territorio galego", explica o comunicado.