O PSOE reprocha ao Goberno que siga dilatando os prazos e vertendo incertezas sobre o futuro de ENCE

Pontevedra
30 de xaneiro 2015

A senadora por Pontevedra, Ángeles Marra, propón que Ence traslade a súa actividade, con todas as garantías, a outra zona da provincia de Pontevedra

Fábrica de ENCE en Lourizán
Fábrica de ENCE en Lourizán / Monica Patxot

O grupo socialista, a través da senadora Ángeles Marra, reprochou ao Goberno que siga dilatando os prazos e vertendo incertezas sobre o futuro de ENCE.

Marra reclamou urxencia ao Executivo na resolución do expediente de caducidade para que aclare o futuro da papeleira en Lourizán e recriminoulle a lentitude coa que está a abordar a decisión sobre a prórroga solicitada polo grupo Ence ata concluír o expediente en curso.

A senadora galega mostrouse moi crítica co regulamento da Lei de Costas que aprobou o Goberno e que abre a porta á concesión de prorroga á empresa para continuar a súa actividade en Lourizán máis alá do ano 2018 e limita a capacidade de decisión da Xunta de Galicia que debe emitir un informe determinante, pero non vinculante, sobre a conveniencia da prórroga no prazo de tres meses.

Ángeles Marra recordou que a decisión última a ten o Goberno, polo que debe axilizar o expediente para eliminar as incertezas que pesan sobre a fábrica.

Marra subliñou que o Partido Socialista propón que Ence traslade a súa actividade con todas as garantías a outra zona da provincia de Pontevedra, co obxectivo de manter a actividade económica e os preto de 350 postos de traballo directos asegurando a súa competitividade coa protección do litoral.

A parlamentaria do PSOE lamentou que o regulamento da Lei de Costas prevé 18 meses para resolver o expediente de caducidade, dilatando os prazos e vertendo incertezas sobre o futuro da papeleira.