O punto limpo itinerante percorrerá as parroquias de Campo Lameiro

Umia
30 de marzo 2022

O Concello pretende concienciar á veciñanza da importancia de contribuír á separación e reciclaxe de residuos para beneficiar ao medio ambiente

O Punto limpo itinerante percorrerá as parroquias de Campo Lameiro
O Punto limpo itinerante percorrerá as parroquias de Campo Lameiro / Concello de Campo Lameiro

O Concello de Campo Lameiro mantén ubicado diante do consistorio o novo punto limpo móbil que prestará servizo en todas e cada unhas das parroquias a través dun camión de recollida de enseres que conta coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente e da Unión Europea.

O punto limpo ten varios compartimentos atendendo ás diferentes fraccións nas que se pode separar con eficiencia para reciclar, como por exemplo os pequenos electrodomésticos, pilas, papel, vidro, entre outros residuos.

Con esta iniciativa, da que participan tamén os concellos de Portas e Moraña, prétendese sensibilizar á veciñanza na necesidade de reciclar para protexer o medio ambiente e loitar contra o cambio climático.

Segundo o alcalde, Carlos Costa, preténdese animar a todos a separar correctamente os residuos e usar este novo servizo concienciando sobre a importancia de reciclar e de defender o medio ambiente. 

Despois da súa estancia diante do consistorio, na parroquia de San Miguel do Campo, o punto limpo itinerante desprazarase nunha primera etapa a Fragas, Couso, Muimenta, Morillas e San Isidro. Durante as visitas entregaranse folletos e carteis explicativos.