O Punto Limpo Móbil de Poio ten de media 70 usuarios mensuais

Poio
24 de xaneiro 2023

O dispositivo desprázase a cada parroquia do municipio de xeito semanal e permite o tratamento de residuos como electrodomésticos, chatarras ou textís, entre outros

Material recollido no Punto Limpo Móbil na súa estancia en Raxó
Material recollido no Punto Limpo Móbil na súa estancia en Raxó / Concello de Poio

O Punto Limpo Móbil de Poio, posto en funcionamento a principios de 2020, mantivo unha actividade moi regular ao longo de todo o 2022, segundo o informe elaborado pola empresa responsable do tratamento do lixo, Valoriza, no que se incide en que este servizo de carácter itinerante contou cunha media mensual de máis de 70 usuarios. 

O dispositivo está a disposición da veciñanza con carácter gratuíto, manténdose durante tres días á semana en diferentes emprazamentos das parroquias, a excepción de Raxó e Samieira, onde permanece operativo dous días na última semana de cada mes.

O total de entregas de residuos realizado durante todo o ano 2023 estivo preta das 900. 

Como xa é habitual, foron os meses de verán os que rexistraron unha maior actividade, especialmente en agosto e xuño, con 97 e 94 entregas realizadas, ás que hai que sumar as 86 que se levaron a cabo en xullo. É na época estival na que Poio experimenta un crecemento importante de poboación, polo que este aumento é normal.

Os emprazamentos nos que se instala periodicamente o Punto Limpo Móbil son, por esta orde: o parque de Costa Xiráldez (San Salvador), o aparcadoiro da Reiboa (San Xoán), o aparcadoiro de Chancelas (Combarro), a Praza Alfredo Romay (Samieira) e a rúa Leopoldo Nóvoa (Raxó). Nos dous últimos casos, a instalación permanece activa na última semana de cada mes (martes e mércores e xoves e venres, respectivamente).

O horario de atención ao público é de 9.00 a 14.00 horas, salvo no caso dos días no que se sitúa en Chancelas. Alí, para non coincidir coas horas de entrada e saída dos escolares, está operativo entre as 9.30 e as 13.30 horas. Na páxina web do Concello pódese consultar o calendario do servizo, así como as súas vantaxes e tipos de lixo que se trata.