O reconto do voto exterior, co PP como forza máis votada, non cambia o resultado do 23X en Pontevedra

Pontevedra
29 de xullo 2023

Finalizado o reconto do voto CERA, de cidadáns residentes no exterior, o Partido Popular contabilizou 4.319 apoios á súa candidatura ao Congreso na provincia de Pontevedra, case o dobre que os votos rexistrados por esta vía á segunda forza, o Partido Socialista

Xente votando en Pontevedra nas eleccións xerais do 23X
Xente votando en Pontevedra nas eleccións xerais do 23X / Cristina Saiz

O resultado das eleccións xerais do 23 de xullo mantense na provincia de Pontevedra tras o reconto este venres do voto CERA, de cidadáns residentes no estranxeiro.

Co escrutinio do 23X parecía imposible que se movese algún escano na provincia. O último deputado asignado correspondía ao Partido Socialista, en disputa cun BNG que quedou a 5.821 votos de arrebatarllo.

No que respecta ao voto CERA, contabilizáronse un total de 9.839 votos, sendo 148 deles nulos e 99 en branco.

Do resto, a forza que contou con máis apoios foi o Partido Popular, con 4.319 votos e case dobrando ao Partido Socialista, que sumou 2.345 votos.

En canto ao resto de formacións, Sumar conseguiu 1.019 apoios, Vox 865, o Bloque Nacionalista Galego 603, Pacma 290, a Frente Obrero 77, o Partido Comunista dos Traballadores da Galicia 43 e Recortes Cero 22.

Unhas cifras insuficientes en todo caso para mover un resultado que repartira por Pontevedra tres deputados a Partido Popular e Partido Socialista e un máis para Sumar.