O regato de Fontesanta emerxe en Mollabao

Pontevedra
12 de outubro 2019

O concelleiro de Desenvolvemento Sustentable e Medio Natural, Iván Puentes, móstrase satisfeito do resultado da intervención do servizo de Parques e Xardíns na zona

Regato da Fontesanta en Mollabao trala intervención de Parques e Xardíns
Regato da Fontesanta en Mollabao trala intervención de Parques e Xardíns / Concello de Pontevedra

O concelleiro de Desenvolvemento Sustentable e Medio Natural, Iván Puentes, móstrase satisfeito do resultado da intervención do servizo de Parques e Xardíns na zona de Mollabao, na contorna da Casa do Mar.

"Os traballos de acondicionamento e limpeza integral realizados polo servizo municipal de Parques e Xardíns devolvéronlle a vida, literalmente, ao regato da Fontesanta", asegura o edil.

A actuación, que contou cun orzamento de 6.000 euros, tivo lugar entre o lavadoiro da Fontesanta e a rúa Rosalía de Castro, así como nas proximidades da Casa do Mar e o perímetro do parque de educación viaria.

Parques e Xardíns, levou a cabo unha roza exhaustiva de malas herbas e empregou dúas máquinas retroescavadoras para retirar o lodo e o lixo que se acumulara no leito do regacho. Estes traballos completáronse coa instalación dunha malla anti-herbas en todo o noiro e a súa cobertura con plantas tapizantes.

"Se lle botamos unha ollada ás fotografías do antes e o despois, parecen dous espazos completamente distintos", sinalou Iván Puentes tras comprobar o resultado dos traballos.