O empresario pontevedrés Ángel Martínez Pérez "Lito", coñecido popularmente como o "rei das orquestras" en Galicia, volverá sentar no banco dos acusados da Audiencia de Pontevedra. Farao, nesta ocasión, pola xestión irregular das súas declaracións de impostos que presentou a título individual ante a Axencia Tributaria.
A Fiscalía impútalle dez delitos fiscais, ao entender que defraudou á facenda pública 4.455.443 euros entre os anos 2009 e 2012, e pide que sexa condenado a 35 anos e tres meses de prisión. Ademais, o ministerio fiscal reclama que "Lito" devolva o diñeiro non tributado e se lle impoñan multas por valor de case 13 millóns de euros.
O fiscal, Alejandro Pazos, sostén que 'Lito' é o artífice e o responsable da creación do denominado Grupo Lito, un conxunto de empresas cunha facturación anual aproximada de 25 millóns de euros que operaba no sector das actividades de produción musical e de representación artística, pero declaraba cantidades moi inferiores ás ingresadas.
Nos catro exercicios que se inclúen neste procedemento, entre 2009 e 2012, as empresas de "Lito" facturaron en concepto 'festas', segundo os cálculos de Facenda, máis de 102 millóns de euros, pero nas súas declaracións só figuraron ingresos por 10,7 millóns.
O escrito de acusación mantén que 'Lito' presentou as declaracións de IRPF, IVE e outras retencións por rendementos do traballo e actividades profesionais, optando pola modalidade da tributación individual.
En canto ás declaracións de IRPF, o fiscal atribúelle delitos por eses catro anos, pero no relativo ao IVE e ao resto de retencións, tan só durante tres anos, de 2010 a 2012.
O fiscal considera que é autor de dez delitos: catro delitos contra a Facenda Pública ou delitos fiscais pola fraude no IRPF durante catro anos, un deles agravado; tres delitos contra a Facenda Pública pola fraude do IVE durante tres anos, un deles agravado; e tres delitos contra a Facenda Pública polo resto das retencións.
Esta será a terceira vez que "Lito" sente ante o xuíz acusado de fraude fiscal.
O empresario xa foi condenado pola Audiencia de Pontevedra a doce anos de prisión pola fraude nas declaracións do IRPF, o imposto de sociedades e o IVE dos anos 2011 e 2012, condena acompañada con multas e indemnizacións por case 47 millóns de euros.
Tras a súa última comparecencia nun tribunal, pola contra, o xulgado do Penal 1 de Pontevedra decidiu absolvelo de dous delitos fiscais por non tributar correctamente os ingresos xerados pola orquestra Filadelfia en 2011 e 2012, ao entender o xuíz que non existían probas válidas da fraude. Pedían para el outros catro anos e medio de cárcere.