O reitor agarda que a finais de curso comece a peonalización do campus

Pontevedra
03 de maio 2017

O proxecto contemplar ampliar o número de aparcadoiros arredor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e manter sen vehículos a parte central entre os edificios de Ciencias Sociais e Forestais

Vehículos aparcados no campus universitario de Pontevedra
Vehículos aparcados no campus universitario de Pontevedra / Mónica Patxot

A Universidade de Vigo atópase á espera de todos os permisos para poder abordar a peonalización do campus universitario de Pontevedra. Afirmábao na tarde deste mércores, o reitor Salustiano Mato durante a súa visita á Deputación.

Mato indicou que unha vez que se termine a fase administrativa e conten con todas as licenzas acometerán a obra coa intención de que se desenvolver cando finalice o período lectivo.

A proposta que a Universidade contempla é a de establecer un espazo central entre os edificios de Ciencias Sociais e de Forestais libre de vehículos tanto circulando como estacionados na actual rúa. Para acometer esta decisión, acordada co Concello de Pontevedra, ampliarase a área de aparcadoiro na contorna da facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

EDIFICIO DAS ARTES, SEN NOVIDADES

Sobre o proxecto do Edificio das Artes, paralizado desde hai máis dun lustro debido á falta de financiamento, o reitor indicou que polo momento non existen novidades. "Outra cousa é que se estea traballando pero non temos nada novo que comentar", indicou Mato facendo referencia a que non se rexistraron cambios sobre os terreos de Tafisa onde estaba prevista a construción deste centro que acollería os estudos de Belas Artes e permitiría a liberación do uso académico do cuartel de San Fernando, onde o Concello, en anteriores mandatos, estudaba o proxecto de instalar a sede que acollera as súas oficinas municipais. 

Salustiano Mato afirmou que están a traballar sobre cuestións tanxibles e nestes momentos o proxecto no que se centran é o do Campus Crea na antiga sede da Xunta en Benito Corbal.